A Consellería de Educación iniciará este luns o trámite de audiencia con grupos políticos, sindicatos, asociacións de pais e outros organismos co fin de recoller “aportacións” sobre o novo decreto do galego no ensino. Non obstante, na nota que onte remitiu o departamento que dirixe Jesús Vázquez destaca o feito de que se entrevistará con dúas organizacións en contra da normalización do idioma propio de Galicia como Galicia Bilingüe e a Mesa por la Libertad Lingüística, mentres que, no bando dos grupos a prol do galego, só se atopa a Mesa Pola Normalización Lingüística.
Ningunha das plataformas a prol do ensino en galego foi invitada a esta rolda de encontros. Nin Queremos Galego, nin Galego Patrimonio da Humanidade, Prolingua ou Galego Sempre Máis. Para o presidente da Mesa Pola Normalización, Carlos Callón, “isto é unha imaxe clara de que o PP non ten ningún apoio e por iso debe recurrir a grupos galegófobos que o apoien”. Para Callón, “se un busca extremista no diccionario o que atopa é unha foto dos da Mesa por la Libertad”. “Non sei porque non se lles ocorreu tamén convocar á Falanxe, que a moitos xa os coñecen de aguantar a bandeira contra o galego nunha manifestación que se fixo en febreiro do ano pasado”, asevera.
“A nós convocáronnos o martes ás sete e media da tarde, supoño que o que queren é seguir o mesmo sistema que cando Feijóo presentou o borrador no Consello da Xunta. Queren facelo tarde para que non teña moita repercusión nos medios”, conta o filólogo.
Ademáis dos portavoces do PP, PSOE e BNG, a Xunta recibirá aos representantes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, ademais dos portavoces de sindicatos como CIG-Ensino, UGT, Anpe Galicia, CSIF, FSIE, USO e STEG. Igualmente haberá reunións con representante de anpas de colexios públicos e privados, cos equipos de normalización e cos editores.
Á espera de que comecen as reunións, unha xornada máis, o PP semella quedar só na defensa política deste chamado “decreto do plurilingüismo”. Así, en senllas roldas de prensa acontecidas onte, PSOE e BNG rexeitaron, de novo, as bases deste decreto. O nacionalista Carlos Aymerich declarou “só hai unha solución que pasa polo consenso do Plan Xeral de Normalización e pola Lei de Normalización”. Así, deulle un recado a Feijóo: “Deixe de camiñar da man dos extremistas e volva ao consenso do que nunca debeu ter saído”.“Hai un clamor para que este texto non pase de ser un borrador”, manifestou o portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Xaquín Fernández Leiceaga, quen insistou en que o PSdeG “ten unha postura clara contra o decreto, que é todo o contrario do que debería terse feito”.
As críticas dos socialistas fan especial dano ao PP. Onte, o seu portavoz, Antonio Rodríguez Miranda, retou ao secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, a “elixir entre parecerse a José Montilla, quen se misturou con nacionalistas extremistas para impoñer o catalán” ou ao lehendakari Patxi López.
No hay comentarios:
Publicar un comentario