lunes, 28 de junio de 2010

Guillerme esixe a abertura do Panteón de Galegos Ilustres e cualifica de indigno o comportamento de Feijóo

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, interviñeron hoxe á tarde nun acto público pola apertura do Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. No acto, celebrado ás portas da igrexa, o líder do BNG esixiu á Xunta que adopte medidas para que o Panteón de Galegos Ilustres volva a ser aberto ao público e criticou a Feijóo “por non mover un dedo para liberar a Castelao e a Rosalía”.

“Rosalía e Castelao están secuestrados, vedados ao público”, afirmou o portavoz nacional. Unha decisión caprichosa do poder xudicial español permite que a Igrexa Católica recupere a propiedade sobre a Igrexa de San Domingos do Bonaval e a Igrexa tomou a decisión de fechar o Panteón, de clausurar entre catro paredes os nosos símbolos nacionais por excelencia, explicou.


Neste sentido, criticou que Feijóo “non move nin un dedo para liberar a Rosalía e Castelao”. “Imaxinemos por un momento que os norteamericanos non puidesen acceder ao monumento a Lincoln ou que aos franceses lles fose vedada a entrada a Des Invalides para ver a tumba de Napoleón, matinemos que acontecería en Catalunya se alguén se apropiase da estatua de Maciá ou que ocorrería se alguén podase a árbore de Guernica”, sinalou na súa intervención. “Non hai ningunha nación digna que puidese tolerar agresións desa envergadura ao seu patrimonio máis simbólico, a aquilo que os identifica como pobo, aquilo que os singulariza e lles dá personalidade”, dixo. “Por iso proclamo aquí, con toda solemnidade, que o Goberno galego -e en especial o seu presidente- non está actuando neste asunto coa dignidade que cabe esixir a quen é titular do poder executivo do autogoberno deste País”, afirmou.

Así, sinalou que “para os partidos estatais, Rosalía e Daniel continúan a ser figuras incómodas, non por nada, senón porque tamén os incomoda -e os enerva- a condición nacional de Galiza”. “Abrazar Rosalía e Daniel, permitir que os escolares por exemplo se acheguen a este Panteón, é tanto como abrazar a idea de que Galiza é tan nación como a que máis”, explicou.

“Non gostan de Rosalía e Daniel; en todo caso, están dispostos a aceptaren unha visión espartillada, simplificadora e manipuladora dos nosos símbolos nacionais, unha visión, por tanto, ocultadora das súas facetas emancipadoras”, dixo.

Espazo laico e público

Os cartaces foron pendurados das grades da porta principal do edificio
Para o líder nacionalista, “é preciso, pois, que a Xunta de Galiza tome cartas no asunto e adopte as medidas precisas para que o Panteón de Galegos Ilustres volva a ser un espazo laico e público”.

“O BNG é incómodo para os poderosos de hoxe, precisamente polos mesmos motivos que foron incómodos para as elites do pasado Rosalía e Daniel”, sinalou. “Rosalía e Daniel eran incómodos porque se enfrontaron resoltamente coas forzas reaccionarias que pretendían que nada mudase, que Galiza continuase sendo un país inconsciente de si mesmo, que as súas clases populares continuasen emigrando e sendo sangradas pola explotación e condenadas á miseria e á falta de instrución básica”, destacou.

“Nós somos tamén pobo galego, conscientemente galego, rebeldemente galego, e tamén nos enfrontamos resoltamente con forzas reaccionarias”, afirmou.

Deste xeito, Guillerme Vázquez lembrou que “tal día como hoxe, hai 74 anos, o pobo galego votaba a prol do seu primeiro Estatuto de Autonomía, 74 anos despois, a dereita española goberna Galiza e faino sen a menor ambición nacional”.

O líder do BNG subliñou que hoxe, igual que hai 74 anos, o nacionalismo continúa a ser a antítese da dereita reaccionaria española, a mesma que tolera o secuestro de Rosalía e Castelao.

Pola súa parte, a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, destacou que "pechando este Panteón pretenden pecharnos os ollos a Galiza, pechar a capacidade para termos memoria e aprender do pasado, mutilando a fonte da que bebemos no presente". "Para calquera pobo, e sobre todo para un pobo negado como é o galego, termos pasado, termos memoria, significa autoafirmarnos como nación que somos no mundo", engadiu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario