domingo, 6 de junio de 2010

A razón do nacionalismo

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e o portavoz de Traballo, Industria e Comercio do BNG no Parlamento galego, Henrique Viéitez, ofreceron unha rolda de imprensa na Sede Nacional para valorar a sentenza 302/2010 do TSXG en que se avala o concurso eólico tal e como foi convocado pola Consellaría de Industria cando o seu titular era o nacionalista Fernando Blanco.

A sentenza nega os argumentos do demandante –Endesa- e cualifica de legal que no concurso puntuase como criterio de valoración que as empresas concorrentes ofrecesen á Administración galega unha participación accionarial nos parques eólicos.

A participación pública non era un requisito obrigatorio, senón só un criterio de valoración –que si é lexítimo primar en atención ao interese público- entre as distintas ofertas, o cal se axusta perfectamente a dereito.

“Como sustentamos desde o principio, por suposto que era legal e constitucional a participación pública nos parques eólicos”, afirmou Guillerme Vázquez, mentres Henrique Viéitez enfatizaba que o BNG desde o Goberno se ativera escrupulosamente á legalidade. “A sentenza veno demostrar e vén demostrar até que punto eran falsas as acusacións vertidas contra o nacionalismo por parte do PP”, alegou.

O líder do BNG foi máis alá e afirmou que a decisión do Goberno Feijóo de suspender o concurso eólico e de anunciar unha nova convocatoria “obedece a que son as grandes empresas do sector eléctrico as que ditan a política enerxética” do Goberno galego, sen que este teña en absoluto en conta “o interese xeral”.

"O PP PREPARA UN MEGAPELOTAZO"

“Cando o PP decidiu suspender o concurso eólico, algo que foi moi controvertido no seu momento, xa dixemos naquela altura que estabamos ante a intención clara de transformar ese concurso nun megapelotazo ao servizo dos seus amigos”, sinalou o portavoz nacional.

A paralización do proceso do concurso eólico foi “unha decisión irresponsábel do PP e iso nun contexto de crise económica como a que estamos a padecer faise máis evidente”, engadiu. “Quince meses despois non hai adxudicacións novas, segue absolutamente paralizado o proceso e tivo como consecuencia non somente que non se creasen novos empregos no sector, senón que desaparecesen entre 1.000 e 1.500 postos de traballo como consecuencia desta parálise”, sinalou Viéitez.

“UNHA SEGUNDA OPORTUNIDADE AOS SEUS AMIGOS”

Viéitez concluiu que coa suspensión do concurso eólico o que perseguía o Goberno Feijóo era darlle “unha segunda oportunidade aos seus amigos”, aos amigos “que se abrazaron na praza do Obradoiro, na toma de posesión de Feijóo”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario