jueves, 7 de enero de 2010

O que UGT dí sobre o decreto

Consideramos este borrador confuso no fondo e impresentable na forma.

Confuso porque trata de mesturar para confundir, instrumentalizando termos como “plurilingüismo” para debilitar aínda máis a nosa lingua que xa está nunha posición feble.

Porque traslada ós pais e nais decisións que corresponden á Administración Educativa. Este proceso de consulta é totalmente antipedagóxico, inasumible didacticamente e imposible de levar á práctica nos centros.

Que provocaría un conflito de dimensións incalculables, que parece feito por persoas que non viven as tarefas diarias da escola.

Confunde a terminoloxía e comete erros de vulto. Non existen os directores de departamento (nomenclatura universitaria) e na FP non existe nin departamento nin materia de inglés nos títulos LOE (agás determinados ciclos como turismo, comercio internacional, comercio e marketing e outros)

Non concreta e polo tanto confunde con termos como “equilibrio lingüístico”.

MANIPULA E ENGANA.

No apartado de consideracións previas ou preámbulo trata de copiar o que establece o 124/2007, pero inserta interesadamente un inexistente perigo de cambio de modelo de conxunción das linguas e cara a un modelo de inmersión. Chega a citar o informe do Consello Consultivo feito no seu día sobre o borrador do 124, que parece ser foi declarado non conforme a dereito. Sabendo que este borrador foi modificado precisamente para seguir as recomendacións do Consello Consultivo.
Se este decreto regula o uso e aplicación do galego no ensino, non ten por que enredar co plurilingüismo, pois o profesorado sabe como se debe aplicar sen prexuízo nin da outra lingua oficial nin do idioma estranxeiro.


A demagoxia tamén aflora neste borrador con bastante frecuencia, apélase á liberdade de expresión e uso dos idiomas cando sabemos que non existe ningún problema neste campo.


Quérese eliminar a normalización do galego, cando sabemos que a lei que o defende chámase de Normalización Lingüística, que está asentada e asumida por toda a sociedade galega. Tenta cambiarlle o nome ós equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros para deixalos só como de dinamización, cando sabemos que dinamizar si pero o obxectivo debe ser normalizar.

Chega a ditar normas para o concurso de traslados do profesorado cando se trata de corpos estatais con normas procedimentais que solucionan e garanten as condicións de participación, tamén en relación co perfil lingüístico.


RETROCESO.

Estritamente a lingua galega retrocede en porcentaxe mínima de presencia no currículo do ensino obrigatorio. Ten moitas posibilidades de quedarse neste mínimo en moitos centros que precisarían dun plus e dunha discriminación positiva para que progresivamente a lingua galega chegara ós niveis de competencia en igualdade co castelán.

CONCLUSIÓN.

Que estas bases, das que non sabemos se son realmente o borrador do decreto ou non, constitúen unha especie de “parto dos montes” que alumbraron un rato.


O avance e consolidación da nosa lingua non é responsabilidade exclusiva da escola. A escola debe ser o berce da lingua pero a sociedade e as institucións que a representan teñen o deber e o dereito de procurar, potenciar e facer posible a boa saúde do galego.


Con todo respecto para a RAG, o Consello da Cultura Galega, o Parlamento e outras institucións, convén recordar que o órgano que representa á comunidade escolar de Galicia é o Consello Escolar de Galicia, que terá que pronunciarse sobre este borrador e emitir o preceptivo ditame. E o órgano que representa ó profesorado é a Mesa Sectorial de Educación e a Comisión Tripartita do Ensino Concertado. Estas mesas de negociación tamén terán que debater e pronunciarse sobre este chamado borrador de bases.

Por último lembrar que a disposición adicional 3ª do decreto 124 xa prevé a posibilidade de centros trilingües, aceptando a diminución proporcional no horario correspondente para as linguas galega e castelán.


Este debería ser o verdadeiro camiño a seguir para chegar a proxectos lingüísticos adecuados e equilibrados nos centros escolares.

Demandamos unha rectificación na Administración Educativa que nos
leve a potenciar o galego no ensino para acadar competencias en igualdade de condicións co castelán e avanzar cara a adquisición de competencias adecuadas tamén no idioma estranxeiro.

Esperamos unidade dos axentes educativos e da comunidade escolar, lonxe de extremismos e imposicións, para reconducir esta situación escapando do conflito permanente.

Santiago de Compostela, 05 de xaneiro de 2010. UGT

No hay comentarios:

Publicar un comentario