martes, 29 de junio de 2010

Cataluña, o TC e nós

Finalmente, catro anos despois de ter sido aprobado polo pobo catalán, o Tribunal Constitucional español vén de desestimar, na súa maior parte, o recurso de inconstitucionalidade que o Partido Popular presentara contra o Estatuto de Cataluña. Dicía o procesualista uruguaio Couture que no Dereito o tempo é máis que ouro, é xustiza. E esta afirmación é plenamente valedeira para o caso que nos ocupa: nunca poderá ser compensada Cataluña –e, con ela, os demócratas galegos, vascos e españois– polo dano provocado polas dilacións do Tribunal Constitucional, máxime cando estas obedeceron a consideracións de conveniencia política. E nunca poderán tampouco os maxistrados –e con eles o PP e o PSOE– compensar os prexuízos inferidos ao prestixio da Xustiza e do Estado de Dereito españois.

E o caso é que o asunto tiña unha solución ben doada. Inadmitir a trámite o recurso por entender que o Estatuto de Cataluña, unha vez ratificado polo pobo catalán, fai parte do bloque da constitucionalidade e non pode, en canto que tal, ser obxecto de xuízo de constitucionalidade. Tal acontece noutros Estados compostos, sexan ou non federais, e así debería acontecer no Estado español se o PP e o PSOE asumisen a plurinacionalidade e atendesen máis aos valores democráticos do artigo 1 da Constitución –a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político– que á “unidade indisolúbel” da Nación española do artigo 2 garantida a medio do exército nun insólito, por inconcebíbel no constitucionalismo democrático, artigo 8. Mellor nos iría a todos, certamente, se se asumise que a convivencia debe asentar no consentimento e non na imposición. E por iso levan razón os partidos cataláns cando consideran gravísimo un fallo que se atreve a cuestionar o que Cataluña aprobara soberanamente.

E, porén, ao desestimar a maior parte das pretensións anulatorias do PP, o fallo abre para Galiza, unha oportunidade que faríamos mal en desaproveitar. Aínda descoñecendo os termos exactos da sentenza (e, con eles, o alcance preciso da segunda parte do fallo, aquela que condiciona a constitucionalidade de determinados preceptos a se interpretaren do xeito especificado nos fundamentos xurídicos) podemos concluír que o Tribunal Constitucional non elimina a referencia a Cataluña como Nación no preámbulo e admite que no articulado se faga referencia aos “símbolos nacionais” de Cataluña. Que avala a plena igualdade xurídica entre o catalán e o castelán e que o primeiro sexa, como lingua propia de Cataluña, a lingua normal e vehicular para os poderes públicos cataláns e no ensino. E que se confirma, en xeral, a constitucionalidade do alongamento e da blindaxe competencial operada através do Estatut de 2006 así como a regulación, bilateral, do financiamento e do novo marco de relacións entre Cataluña e o Estado.

Tócalle a Núñez Feijoo. É a súa vez. El que adiara até o fallo sobre o Estatuto de Cataluña calquera decisión sobre a elaboración dun novo Estatuto para Galiza ten agora que decidir. Decidir se vai ser responsábel de que o noso país fique nun estatus –canto a recoñecemento nacional, réxime lingüístico, dereitos, competencias e financiamento– inferior ao logrado por Cataluña ou se vai impulsar, como presidente de Galiza, a reforma que a maioría dos galegos e das galegas agardamos. Tempo non lle sobra.

Carlos Aymerich

No hay comentarios:

Publicar un comentario