Os mestres sácanlle as cores a Anxo Lorenzo
"Teño a impresión de que non se ten a mesma realidade nos despachos da Xunta que nos centros educativos... Foron vostedes os que iniciaron unha guerra". É unha das opinións dos numerosos docentes que criticaron ante o propio secretario xeral de Política Lingüística o novo decreto do galego.
Aconteceu o pasado 30 de xaneiro no IES 'As Fontiñas' de Santiago de Compostela, onde Anxo Lorenzo inaugurou as Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística. Despois do acto, e nun turno de preguntas, moitos dos docentes tomaron a palabra para denunciar que non se lles tivo nada en conta na elaboración dun decreto que consideran lesivo para o sistema educativo galego.
Así, criticaron a disminución do ensino en galego e, sobre todo, a liberdade de elección lingüística dos alumnos. "Hai un informe do Consello Consultivo de 2007 que di que os rapaces poden utilizar a lingua que queiran nas aulas", respostou Lorenzo. "Si, e hai unha senteza xudicial que o considera ilegal", retrucoulle outro docente.
Non obrigar aos alumnos
O secretario xeral insiste; "nese punto do decreto non se anima a que se utilice o galego ou o castelán segundo se pete". "Pero como imos e evaluar as competencias lingüísticas dun alumno se sempre fala a lingua que lle peta?", insiste unha docente.
Lorenzo parece pasar momentos de embarazo e volve defender o decreto. "A idea de que unha materia que se imparte nunha lingua pero se poida falar noutras, ímolo a manter, e tamén no caso da lingua estranxeira. Obviamente non se lle pode obrigar a falar esa lingua estranxeira". Producese un gran barullo na sala e o secretario xeral tenta remendar "o alumno non vai interactuar nunha aula de música de inglés en inglés, creo".
Aprender as linguas oficiais
As respostas non se fan agardar. "Primeiro terá que ter competencia en galego e español e logo en inglés, non?, afirma unha docente. "Teño a impresión de que non se ten a mesma realidade nos despachos da Xunta que nos centros educativos. Eu convidoos a compatir en calquera dos nosos centros, no meu do Morrazo, por exemplo, e como hai familias galegofalantes que lles falan aos fillos en castelán e veñen ao centro e xa che din que os pais lles dixeron que poden utilizar a lingua que queiran... Iniciaron unha guerra nalgo que estaba tranquilo", engade unha segunda baixo unha forte ovación.
Con todo, e a pesar deste intercambio de pareceres, a Xunta difundiu, para referirse a ese evento, que Lorenzo incidiu na importancia de crear estratexias de dinamización para promover o galego nos centros educativos. Este video amosa a outra versión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario