Galicia está a vivir estes días as “condicións propicias para que se produzan incendios por causas naturais”, segundo indicaron fontes de Meteogalicia. Isto, unido ao mapa de riscos elaborado pola Xunta, deixa á comunidade nunha situación de máxima alerta. Os intensos ventos secos do norte, unidos ás elevadas temperaturas que se están a rexistrar estes días, favorecen que se xeren lumes forestais, precisaron as mesmas fontes. De feito, nos montes galegos producíronse no que vai de mes un total de dez incendios que calcinaron máis de 145 hectáreas, tal e como reflicten os datos que trascenderon. Pola súa banda, a Xunta continúa gardando silencio e negándose a facilitar información sobre os lumes inferiores a 20 hectáreas.
Segundo Meteogalicia, o feito de que este verán se poida definir como “caloroso”, xa que as temperaturas rexistradas o mes pasado “elévanse entre un e dous graos por riba da media habitual”, tamén pode “favorecer” que se produzan máis incendios “en condicións normais”. Aínda así, desde o departamento dependente de Medio Rural precisaron que as condicións climáticas “entran dentro da viabilidade climática normal dun verán”.
Pola súa banda, dende o departamento que dirixe Samuel Juárez néganse a facilitar datos de como vai a campaña de loita contra os lumes. “Non imos facilitar datos estatísticos do que vai do ano ou da tempada de maior risco, nin de número de incendios ou de hectáreas queimadas, ata que non remate a campaña o día 30 de setembro”, afirman fontes da consellería.
Ante a pregunta de por que evitan facilitar esas cifras, dende Medio Rural insisten en que “é para evitar o efecto chamada” a posibles incendiarios. Así mesmo xustifican esta decisión aludindo a que é o “criterio informativo da consellería en materia de lumes”. De feito, o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, quixo defender esta política de “prudencia extrema” e pediulle a mesma actitude aos cidadáns.
Respecto aos datos dos que dispón, que non son públicos, Feijóo asegurou que son “satisfactorios” pero reclamou “máxima alerta” e colaboración dos galegos para rematar a tempada “con éxito para a masa forestal e os bosques”.
“Non cantemos vitoria, estamos en medio do verán e na máxima alerta dende o punto de vista de condicións meteorolóxicas que facilitan os lumes”, advertiu o presidente da Xunta, ao tempo que comentou que o pasado mes foi “o máis cálido, excluíndo xullo de 2006 dos últimos anos”. Así mesmo, recordou que o 68% dos lumes rexistrados en Galicia son intencionados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario