“O Eume xa non é un río con vida; non será hora de pedir e facer cumprir a lei aos responsables?”. Desta forma, a asociación Ríos con Vida denuncia a situación na que se atopa o caudal do Eume. Para os ecoloxistas, o Eume está actualmente convertido nun río con zonas totalmente secas e altamente contaminado. Á hora de poñerlle cara aos culpables non teñen dúbida: a empresa Endesa está no seu punto de mira. “En todos estes anos, cantos millóns e millóns de litros de auga se turbinaron na central de A Capela sen respectar en ningún caso o caudal mínimo do río, enriquecendo as arcas desta empresa, que explota un cauce que todos temos dereito a gozar”, se preguntan dende esta asociación na defensa dos ríos. Tan claro vén dende esta asociación que Endesa non está a cumprir as obrigas que veñen parellas a súa licenza de explotación que o pasado xaneiro interpuxeron unha denuncia contra Endesa que foi admitida a trámite. “Non será a última”, avisan.
A situación de contaminación do Eume non é nova, pero o problema é que moitos pensan que se acaba o tempo. “Se non se pon freo rápido a isto a situación do río pode ser irrecuperable”, alertan dende a Asociación Ecoloxista de Galicia (Adega), que ve responsables da situación tanto a Endesa como á propia Administración, “que mira para outro lado”.
O río Eume nace na serra do Xistral, e baixa ata Pontoibo, lugar onde xa se atopa co primeiro encoro ao que ten que facer fronte. Alí, a presa hidroeléctrica de A Ribeira embalsa 33 hectómetros cúbicos de auga durante un percorrido de cinco quilómetros aproximadamente e abastece de auga o concello de As Pontes e a central térmica de Endesa.
Os ecoloxistas entenden que é xusto desde este punto onde comeza “o secuestro” do río por parte da empresa. “Neste punto é onde se comeza a secuestrar en serio o caudal do Eume para rechear o oco da antiga mina que abastecía a citada térmica e formar un lago artificial que nos últimos tres anos está a arrebatar ao río un caudal indispensable”, explican. Ademais, a isto hai que sumarlle a denuncia que fan diversos grupos ecoloxistas da grave contaminación que supuxo para o río a construción da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64).
“Estas obras supuxeron un grave episodio de contaminación xa que botaron ao río gran cantidade de metais pesados, e baixaron moito o ph en toda a conca, coa conseguinte aniquilación de toda a fauna fluvial debido ao tremendo choque ácido”, explica Mark Adkinson, o presidente da sección galega da organización medio ambiental.
Só uns cantos quilómetros máis abaixo, as augas do Eume son retidas no embalse da Capela. “Aquí as augas que quedan volven ser secuestradas por Endesa a través dunhas tuberías que conducen a auga ata a central hidroeléctrica da Capela, secando case por completo ata tres quilómetros e medio de cauce”, segue contando.
ENCORO
Dende Ríos Con Vida aseguran que hai moitos anos que este tramo de río está completamente seco, agás naqueles momentos nos que o caudal medra tanto que se desborda do pantano de A Capela, xa que “Endesa nunca abre as comportas para abastecer o río”. “Neste último medio século, xamais se ten aberto a comporta da presa, tal e como aseguran os máis vellos do lugar; ademais, é moi significativo que ningún dos gardas vivos da época, nin sequera os ribereños máis anciáns, lembren este tramo de río con auga, a excepcións das moi escasas ocasións nas que se desborda o pantano”, comenta Marc Adkinson.
Para estes ecoloxistas, o perigo seguirá a existir mentres que Endesa continúe a ter a licenza de explotación do río. “Cremos firmemente que foron demasiados os abusos sobre o río e haille que poñer fin a este atropelo; un embalse de Endesa nunhas condicións como as que está, pon en grave perigo ao Eume, á ría de Ares e a todos os que beben das súas augas, tratadas con calcitas e cargadas de materiais pesados”, declaran con alarma. “Mentres tanto, Augas de Galicia, a dirección do Parque Natural das Fragas do Eume e a propia Xunta de Galicia miran para outro lado. A comisión por omisión é o habitual nas administracións públicas, cativas dos sectores económicos”, opina Adkinson.
A diagnose que fan dende Ríos con Vida é moi similar á que fai a Asociación Ecoloxista Galega, Adega. Un dos seus portavoces, Fins Eirexas, destaca que “as obras da autovía foron fundamentais para consumar a contaminación no río”. Non obstante, dende Adega non as teñen todas consigo ao respecto da denuncia que os seus compañeiros interpuxeron contra Endesa e que xa foi aceptada a trámite. “Hai aproximadamente dous anos, fixemos un estudo sobre a situación do Eume e do encoro da Capela; estaba claro que a central das Pontes estaba a botar gran número de sedimentos ao río. Trasladámoslle todas as conclusións á Fiscalía Ambiental, deixando claro que o Eume estaba en grave risco ambiental, non obstante finalmente non nola admitiron a trámite”.
Para Eirexas, a situación do río é fondamente preocupante. “Neste momento, está peor que hai vinte anos, iso está claro”, sentenza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario