lunes, 11 de octubre de 2010

Golpe de Estado da prensa

Oito mortos e 279 feridos son demasiadas vítimas para un conflito por remuneracións na policía, pero non sería a primeira vez que unha disputa laboral acaba coa vida de varios activistas.

Facendo un seguimento da prensa latinoamericana, atópanse tres liñas interpretativas do acontecido: A primeira fala dunha simple reclamación salarial diante da que o presidente Rafael Correa se plantou perdendo os papeis, provocando, desabotoando a camisa para brindarse a ser sacrificado polos amotinados. Esta versión percorre boa parte da prensa conservadora do continente.

Nesta mesma liña, pero dando un paso adiante, insisten medios da mesma tendencia, e voceiros de partidos conservadores da rexión, profusamente difundidos en España, que afirman que estamos diante dun autogolpe, forzado por Correa, cun guión escrito con antecedencia para catapultar a súa figura nun momento crítico de alta crispación no país andino. Resumiríase no titular de El País: “Golpe de Estado segundo Correa”.

Unha entrevista con dous doutores do hospital que atendeu a Correa, publicada neste segmento de prensa, aseguraba que o presidente podería ter marchado do hospital cando quixese, e que mesmo se negou a marchar logo de ser convidado a saír.

Por último, está a percepción dos gobernos sudamericanos, que a través de UNASUR expresaron o seu rápido e inequívoco apoio a legalidade democrática e ás autoridades elixidas polo pobo ecuatoriano, vacinándose diante de calquera posibilidade de golpe de Estado.

Na equidistancia situáronse a maioría dos grupos mediáticos dos países desenvolvidos, que teñen vinculacións empresariais con grupos de comunicación locais, case sempre posicionados contra os procesos de cambio que hai na maioría dos países do continente.

Pero, se amais da insurrección duns asalariados da policía descontentos, acontece que a forza aérea se suma á revolta, toma o aeroporto internacional e o aeródromo utilizado para vos nacionais, colocando barricadas nos accesos.

Se os opositores do partido da Sociedade Patriótica liderada por Lucio Gutiérrez, (antigo protexido de Hugo Chávez) se botan á rúa para pedir a dimisión do presidente e tomar pola forza a Canle da Televisión Pública, e diante do seu fracaso, tentan cortar o sinal ou o subministro eléctrico.

Se os partidarios da legalidade que saen a rúa para defender a democracia son recibidos a tiros como aconteceu cun dos mortos, o estudante de Economía Juan Pablo Bolaños, de 24 anos.

Se durante a crise non se permitiu a entrada dos deputados gobernamentais no Parlamento, e tan só tiñan liberdade de acceso os opositores, quen reunidos pediron preventivamente unha amnistía para todos os amotinados en armas.

Se o presidente cando decide saír do Hospital, acochado na parte traseira da furgoneta, é recibido con balas que impactaron no seu auto, custodiado por militares leais.

Se entre os militares que o protexían na saída do recinto hospitalario houbo 27 feridos de bala e dous mortos. A perda da vida do cabo Froilán Jimenez puidemos vela en directo polas retrasmisións da Televisión que abriron os telexornais de todo o mundo.

Se o 20 de outubro entraba en vigor o artigo 312 da constitución ecuatoriana que prohibe a duplicidade accionarial en grupos financeiros e grupos mediáticos, tendo esta data como límite para optar entre as dúas actividades empresariais. Un dos máis afectados foi Fidel Egas, propietario do Banco Pichincha e de Teleamazonas, persoa moi activa nas críticas ao goberno de Correa.

Se todos puidemos ver as imaxes de Telesur, outra vez decisivas como en Honduras, para levantar acta notarial da barbarie que tivo o país en vilo, que non admite ningún tipo de interpretación.

Se outros países da rexión que teñen gobernos que lideran procesos de cambio sufriron intentos de golpes de Estado nesta década: Venezuela no 2002, Bolivia no 2008, Guatemala, Paraguai e Honduras no 2009, a hipotése dun novo golpe non é estraña.

O relatorio de todos estes feitos semella situarnos lonxe dunha mera reclamación salarial, e máis lonxe aínda dun autogolpe. Todo encaixa mellor dentro do que é un golpe de Estado do Seculo XXI, onde os militares xa non toman o poder, tan só se producen “procesos de destitucion”. Os golpes de estado no seculo XXI, son negados, especialmente polos protagonistas.

Diante dun Golpe de Estado non pode haber equidistancias, nin demoras, nin dúbidas. Aínda que haxa quen tente reescribir a historia das involucións. Nun xornal de ampla tirada en España recollía así a liberación do recinto sanitario: “Un violento dipositivo militar ao servizo do presidente o sacou a Correa do Hospital, provocando disparos cruzados cos policías que estaban asentados na zona”.

Ecuador demostrou que cada vez van ser máis necesarias as fontes orixinais e máis prescindíbeis as noticias interpretadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario