jueves, 9 de septiembre de 2010

Chamamento á continuidade de A Nosa Terra

"A Nosa Terra, a cabeceira histórica do xornalismo en galego, debe seguir activa no mapa da comunicación do século XXI", é o título da carta aberta que un grupo de persoas que formaron parte da equipa que recuperou a cabeceira de A Nosa Terra en 1977, veñen de facer pública.

"A histórica cabeceira A Nosa Terra é todo un símbolo na traxectoria do Xornalismo en galego. Trátase non só dun medio que empregou a lingua galega e empuñou a defensa do idioma propio para cubrir un espazo na oferta informativa galega, o que o converteu no principal canal de expresión dos intelectuais galeguistas durante case un século, senón que, á marxe da liña concreta que seguiu en cada momento, representa unha forma de entender o Xornalismo comprometido co país, cunha visión crítica e aberta ao debate.


"O equipo que con Margarita Ledo como directora e principal impulsora dun renovado proxecto que puxo en marcha A Nosa Terra na súa actual etapa no ano 1977, logo dos anos escuros nos que apareceu de xeito irregular no exterior ata esmorecer, expresa o seu apoio a continuidade e mellora do proxecto ao tempo que anima aos actuais responsables do equipo informativo e da empresa para que articulen unha alternativa que faga posible salvar a cabeceira e recuperar o seu papel central, no marco da diversidade informativa, no Xornalismo galego.

"Quen nalgún momento da súa vida traballou no xornal A Nosa Terra non pode esquecer as achegas que esta cabeceira fixo ao Xornalismo en galego e as que aínda debe facer neste século XXI marcado pola complexidade. Este é o principal motivo do noso apoio firme a continuidade dunha cabeceira necesaria para o Xornalismo galego actual".

O escrito está asinado por Margarita Ledo,Xosé Ramón Pousa, Antón Galocha, Xosé López, Marita Otero, Lois Celeiro, Pepe Barro (deseñador) e
Fernando Bellas (fotógrafo). Os oito asinantes formaron parte do equipo de redacción (textual e gráfica) que puxo en marcha o semanario no ano 1977 e da súa fase de lanzamento. A directora do semanario e autora do proxecto xornalístico para recuperar a cabeceira foi Margarita Ledo Andión, na actualidade Catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario