

“O Eume xa non é un río con vida; non será hora de pedir e facer cumprir a lei aos responsables?”. Desta forma, a asociación Ríos con Vida denuncia a situación na que se atopa o caudal do Eume. Para os ecoloxistas, o Eume está actualmente convertido nun río con zonas totalmente secas e altamente contaminado. Á hora de poñerlle cara aos culpables non teñen dúbida: a empresa Endesa está no seu punto de mira. “En todos estes anos, cantos millóns e millóns de litros de auga se turbinaron na central de A Capela sen respectar en ningún caso o caudal mínimo do río, enriquecendo as arcas desta empresa, que explota un cauce que todos temos dereito a gozar”, se preguntan dende esta asociación na defensa dos ríos. Tan claro vén dende esta asociación que Endesa non está a cumprir as obrigas que veñen parellas a súa licenza de explotación que o pasado xaneiro interpuxeron unha denuncia contra Endesa que foi admitida a trámite. “Non será a última”, avisan.
A situación de contaminación do Eume non é nova, pero o problema é que moitos pensan que se acaba o tempo. “Se non se pon freo rápido a isto a situación do río pode ser irrecuperable”, alertan dende a Asociación Ecoloxista de Galicia (Adega), que ve responsables da situación tanto a Endesa como á propia Administración, “que mira para outro lado”.
O río Eume nace na serra do Xistral, e baixa ata Pontoibo, lugar onde xa se atopa co primeiro encoro ao que ten que facer fronte. Alí, a presa hidroeléctrica de A Ribeira embalsa 33 hectómetros cúbicos de auga durante un percorrido de cinco quilómetros aproximadamente e abastece de auga o concello de As Pontes e a central térmica de Endesa.
Os ecoloxistas entenden que é xusto desde este punto onde comeza “o secuestro” do río por parte da empresa. “Neste punto é onde se comeza a secuestrar en serio o caudal do Eume para rechear o oco da antiga mina que abastecía a citada térmica e formar un lago artificial que nos últimos tres anos está a arrebatar ao río un caudal indispensable”, explican. Ademais, a isto hai que sumarlle a denuncia que fan diversos grupos ecoloxistas da grave contaminación que supuxo para o río a construción da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64).
“Estas obras supuxeron un grave episodio de contaminación xa que botaron ao río gran cantidade de metais pesados, e baixaron moito o ph en toda a conca, coa conseguinte aniquilación de toda a fauna fluvial debido ao tremendo choque ácido”, explica Mark Adkinson, o presidente da sección galega da organización medio ambiental.
Só uns cantos quilómetros máis abaixo, as augas do Eume son retidas no embalse da Capela. “Aquí as augas que quedan volven ser secuestradas por Endesa a través dunhas tuberías que conducen a auga ata a central hidroeléctrica da Capela, secando case por completo ata tres quilómetros e medio de cauce”, segue contando.
ENCORO
Dende Ríos Con Vida aseguran que hai moitos anos que este tramo de río está completamente seco, agás naqueles momentos nos que o caudal medra tanto que se desborda do pantano de A Capela, xa que “Endesa nunca abre as comportas para abastecer o río”. “Neste último medio século, xamais se ten aberto a comporta da presa, tal e como aseguran os máis vellos do lugar; ademais, é moi significativo que ningún dos gardas vivos da época, nin sequera os ribereños máis anciáns, lembren este tramo de río con auga, a excepcións das moi escasas ocasións nas que se desborda o pantano”, comenta Marc Adkinson.
Para estes ecoloxistas, o perigo seguirá a existir mentres que Endesa continúe a ter a licenza de explotación do río. “Cremos firmemente que foron demasiados os abusos sobre o río e haille que poñer fin a este atropelo; un embalse de Endesa nunhas condicións como as que está, pon en grave perigo ao Eume, á ría de Ares e a todos os que beben das súas augas, tratadas con calcitas e cargadas de materiais pesados”, declaran con alarma. “Mentres tanto, Augas de Galicia, a dirección do Parque Natural das Fragas do Eume e a propia Xunta de Galicia miran para outro lado. A comisión por omisión é o habitual nas administracións públicas, cativas dos sectores económicos”, opina Adkinson.
A diagnose que fan dende Ríos con Vida é moi similar á que fai a Asociación Ecoloxista Galega, Adega. Un dos seus portavoces, Fins Eirexas, destaca que “as obras da autovía foron fundamentais para consumar a contaminación no río”. Non obstante, dende Adega non as teñen todas consigo ao respecto da denuncia que os seus compañeiros interpuxeron contra Endesa e que xa foi aceptada a trámite. “Hai aproximadamente dous anos, fixemos un estudo sobre a situación do Eume e do encoro da Capela; estaba claro que a central das Pontes estaba a botar gran número de sedimentos ao río. Trasladámoslle todas as conclusións á Fiscalía Ambiental, deixando claro que o Eume estaba en grave risco ambiental, non obstante finalmente non nola admitiron a trámite”.
Para Eirexas, a situación do río é fondamente preocupante. “Neste momento, está peor que hai vinte anos, iso está claro”, sentenza.
Oito mortos e 279 feridos son demasiadas vítimas para un conflito por remuneracións na policía, pero non sería a primeira vez que unha disputa laboral acaba coa vida de varios activistas.
Facendo un seguimento da prensa latinoamericana, atópanse tres liñas interpretativas do acontecido: A primeira fala dunha simple reclamación salarial diante da que o presidente Rafael Correa se plantou perdendo os papeis, provocando, desabotoando a camisa para brindarse a ser sacrificado polos amotinados. Esta versión percorre boa parte da prensa conservadora do continente.
Nesta mesma liña, pero dando un paso adiante, insisten medios da mesma tendencia, e voceiros de partidos conservadores da rexión, profusamente difundidos en España, que afirman que estamos diante dun autogolpe, forzado por Correa, cun guión escrito con antecedencia para catapultar a súa figura nun momento crítico de alta crispación no país andino. Resumiríase no titular de El País: “Golpe de Estado segundo Correa”.
Unha entrevista con dous doutores do hospital que atendeu a Correa, publicada neste segmento de prensa, aseguraba que o presidente podería ter marchado do hospital cando quixese, e que mesmo se negou a marchar logo de ser convidado a saír.
Por último, está a percepción dos gobernos sudamericanos, que a través de UNASUR expresaron o seu rápido e inequívoco apoio a legalidade democrática e ás autoridades elixidas polo pobo ecuatoriano, vacinándose diante de calquera posibilidade de golpe de Estado.
Na equidistancia situáronse a maioría dos grupos mediáticos dos países desenvolvidos, que teñen vinculacións empresariais con grupos de comunicación locais, case sempre posicionados contra os procesos de cambio que hai na maioría dos países do continente.
Pero, se amais da insurrección duns asalariados da policía descontentos, acontece que a forza aérea se suma á revolta, toma o aeroporto internacional e o aeródromo utilizado para vos nacionais, colocando barricadas nos accesos.
Se os opositores do partido da Sociedade Patriótica liderada por Lucio Gutiérrez, (antigo protexido de Hugo Chávez) se botan á rúa para pedir a dimisión do presidente e tomar pola forza a Canle da Televisión Pública, e diante do seu fracaso, tentan cortar o sinal ou o subministro eléctrico.
Se os partidarios da legalidade que saen a rúa para defender a democracia son recibidos a tiros como aconteceu cun dos mortos, o estudante de Economía Juan Pablo Bolaños, de 24 anos.
Se durante a crise non se permitiu a entrada dos deputados gobernamentais no Parlamento, e tan só tiñan liberdade de acceso os opositores, quen reunidos pediron preventivamente unha amnistía para todos os amotinados en armas.
Se o presidente cando decide saír do Hospital, acochado na parte traseira da furgoneta, é recibido con balas que impactaron no seu auto, custodiado por militares leais.
Se entre os militares que o protexían na saída do recinto hospitalario houbo 27 feridos de bala e dous mortos. A perda da vida do cabo Froilán Jimenez puidemos vela en directo polas retrasmisións da Televisión que abriron os telexornais de todo o mundo.
Se o 20 de outubro entraba en vigor o artigo 312 da constitución ecuatoriana que prohibe a duplicidade accionarial en grupos financeiros e grupos mediáticos, tendo esta data como límite para optar entre as dúas actividades empresariais. Un dos máis afectados foi Fidel Egas, propietario do Banco Pichincha e de Teleamazonas, persoa moi activa nas críticas ao goberno de Correa.
Se todos puidemos ver as imaxes de Telesur, outra vez decisivas como en Honduras, para levantar acta notarial da barbarie que tivo o país en vilo, que non admite ningún tipo de interpretación.
Se outros países da rexión que teñen gobernos que lideran procesos de cambio sufriron intentos de golpes de Estado nesta década: Venezuela no 2002, Bolivia no 2008, Guatemala, Paraguai e Honduras no 2009, a hipotése dun novo golpe non é estraña.
O relatorio de todos estes feitos semella situarnos lonxe dunha mera reclamación salarial, e máis lonxe aínda dun autogolpe. Todo encaixa mellor dentro do que é un golpe de Estado do Seculo XXI, onde os militares xa non toman o poder, tan só se producen “procesos de destitucion”. Os golpes de estado no seculo XXI, son negados, especialmente polos protagonistas.
Diante dun Golpe de Estado non pode haber equidistancias, nin demoras, nin dúbidas. Aínda que haxa quen tente reescribir a historia das involucións. Nun xornal de ampla tirada en España recollía así a liberación do recinto sanitario: “Un violento dipositivo militar ao servizo do presidente o sacou a Correa do Hospital, provocando disparos cruzados cos policías que estaban asentados na zona”.
Ecuador demostrou que cada vez van ser máis necesarias as fontes orixinais e máis prescindíbeis as noticias interpretadas.
Na manifestación da Coruña participaron unhas 10.000 persoas; en Compostela 5.000; en Ferrol 5.000; 4.000 en Ourense, 3.000 en Pontevedra; 2.000 en Lugo; outras 2.000 en Vilagarcía e máis de 400 en Noia. En Cee xuntáronse arredor de 350 persoas na concentración convocada e en Foz, onde a protesta se desenvolveu pola tarde, participaron unhas 300 persoas.
A CIG considera de especial relevancia a incidencia da folga xeral na industria onde se superou ao igual que na construción o 75 por cento, cos polígonos industrias e as principais empresas do país paralizadas. Canto á limpeza viaria, a central sindical cifra nun 100% a incidencia da folga e entre un 80 e un 90 por cento no transporte de viaxeiros. Respecto do transporte escolar a central sindical salienta que só funcionaron os servizos mínimos.
En Ensino universitario, as tres universidades estiveron practicamente paralizadas. Canto ao ensino non universitario a incidencia da folga xeral foi superior ao 50%.
Na Banca, nas cidades o paro foi secundado por entre o 60 e o 70% e na administracións públicas rondou o 50%, aínda que a incidencia foi maior nos servizos centrais e periféricos da Xunta de Galiza onde se acadou o 65%. En concellos como o de Santiago estas cifras foron amplamente superadas acadándose o 90%.
Máis de 40.000 persoas en Vigo
A manifestación principal da CIG tivo lugar en Vigo e nela participou o secretario xeral da central, Suso Seixo. A marcha partiu pasadas as 12 do mediodía do cruce da Doblada e rematou na Porta do Sol máis de dúas horas despois. Á cabeza da mobilización unha faixa co lema “Outro modelo económico e social é posíbel. Non á nova reforma laboral” abría o paso a milleiros e milleiros de persoas que amosaron coa súa multitudinaria presenza o apoio ás reivindicacións do sindicato.
Ao remate da mobilización tomou a palabra en primeiro lugar o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, quen animou a todos/as os presentes a mostrar o seu rexeitamento ás últimas medidas adoptadas polo Goberno español. Otero salientou o rotundo éxito das convocatorias de folga e manifestacións en toda Galiza a pesar da campaña de difamación dos poderes dominantes e repasou por enriba os principais ataques aos dereitos dos traballadores/as que contén.
Pola súa banda, o secretario xeral do sindicato nacionalista cualificou de exemplo de “combatividade, compromiso e dignidade” a presenza de milleiros de persoas nas rúas de Vigo “defendendo os nosos dereitos como clase e demostrándolle ao capital, ao PSOE e ao PP que non imos agochar a cabeza mentres recortan os nosos dereitos”. Incidiu en que a nova reforma laboral, o recorte dos salarios dos empregados/as públicos, a conxelación das pensións para 2011, o recorte do gasto público e as reformas pendentes como a das pensións, negociación colectiva ou prestacións por desemprego son razóns suficientes para convocar a folga xeral.
Seixo lembrou tamén durante a súa intervención que dende o primeiro momento d crise económica a CIG chamou á mobilización para esixir “reformas estruturais profundas que levasen a un cambio radical do actual modelo de capitalismo neoliberal na procura dun novo modelo económico e social máis xusto, solidario e democrático”. Neste senso, fixo fincapé en que a clase traballadora non é a responsábel da crise “pero pretenden que sexa quen a pague, mentres os culpábeis (bancos, grandes fortunas e especuladores) seguen a recibir apoios a pesar de obter enormes beneficios en plena crise”.
Finalmente, apostou por acadar maiores cotas de soberanía nacional para poder aplicar políticas propias que permitan superar a actual situación económica e animou a todos/as os presentes a prepararse “para unha dura loita a medio e longo prazo na que esta é a primeira folga xeral, aínda que non descartamos ter que convocar máis”.
A marcha convocada o sábado pasado contra o Decreto do Carón revelouse como un éxito absoluto ao contar coa participación de máis de 100 camións e arredor de 70 vehículos de particulares, que colapsaron durante máis de tres horas os corenta quilómetros da estrada que une As Pontes e Ferrol.
Coa mobilización, convocada pola Plataforma na Defensa da Produción eléctrica, que veñen de constituír a CIG, BNG, USTG, asociacións de camioneiros e o Concello de San Sadurniño, quérese denunciar as consecuencias que a aplicación do Decreto do Carbón, que aínda non entrou en vigor á espera da resolución da Unión Europea, terá para a produción enerxética galega ao permanecer paralizada cando menos até o ano 2014.
A través da marcha pretendíase amosar ao goberno estatal o rexeitamento social que existe contra decreto do carbón, xa que se está pondo en perigo a continuidade de máis de 2.000 postos de traballo, tanto directos como dos servizos relacionadas coa actividade das térmicas galegas (carga e descarga de carbón, transporte, mantemento, limpeza, talleres, hostalería e un largo etc.), co único obxectivo de garantir a cota de mercado para a produción enerxética dun grupo de centrais españolas.
Ao remate da caravana no peirao de Ferrol, o alcalde de San Sadurniño foi o responsábel de dar lectura a un manifesto en contra do decreto, no que reclamou que se mude o texto da nova normativa para garantir a continuidade dos postos de traballo e evitar un novo Astano para a comarca.
1982. O Bloque Nacionalista Galego fúndase en setembro de 1982. A Asemblea fundacional celébrase nos días 25 e 26 de setembro participando nela diversas organizacións e colectivos nacionalistas (AN-PG, UPG, PSG, independentes...)
A fundación prodúcese nun contexto sociopolítico fondamente hostil para o nacionalismo galego sendo o exemplo máis claro a expulsión do Parlamento de Galiza dos deputados da coalición BNPG/PSG en novembro de 1982 pola defensa democrática dos principios que sustentaban o proxecto político nacionalista.
1983. Un grupo de militantes do PSG constitúen o Colectivo Socialista permanecendo no BNG fronte á decisión da dirección do partido de abandonalo.
A loita contra a OTAN e as agresións ecolóxicas que sofre Galiza (vertidos radiactivos fosa atlántica) sitúanse como o referente principal da actividade organizativa.
En abril celébranse eleccións locais, as primeiras ás que concorre o BNG, obtendo 50.491 votos e 117 concelleiros/as.
A histórica manifestación do Día da Patria Galega (25 de Xullo) culmina cunha masiva sentada de protesta contra a prohibición gobernativa de acceder ao casco histórico. Despois de cinco horas, a concentración é disolta cunha violenta carga policial. Este suceso manifesta ás claras a hostilidade na que se ten que desenvolver o nacionalismo galego.
1984. En decembro ten lugar a IIª Asemblea Nacional en Santiago de Compostela. Nesta Asemblea defínese a posición do BNG en aspectos fundamentais do seu proxecto político como o ecoloxismo, o feminismo, o ensino, a lingua, a cultura,…
Ao longo deste ano o BNG desenvolve unha inxente actividade contra o desmantelamento industrial provocado pola política de "reconversión", participando activamente nas tres folgas xerais que teñen lugar na Galiza.
O BNG desenvolveu accións de protesta contra a apropiación e manipulación dos restos mortais de Castelao recibindo como resposta unha dura represión policial. O recordo do político nacionalista foi o motivo do Día da Patria Galega, xornada na que o nacionalismo volve acceder ao recinto histórico de Compostela despois de anos de prohibición.
1985. O BNG, en consonancia co principio pacifista, promove novas marchas e mobilizacións contra a OTAN.
O BNG participa na constitución da Conferencia de Organizacións de Nacións Sen Estado da Europa Occidental (CONSEO).
Nas eleccións autonómicas de novembro o BNG obtén 53.072 votos, resultando elixido deputado Xosé Manuel Beiras Torrado.
Os resultados electorais culminan unha etapa de debate interno que desemboca na celebración dunha Asemblea Extraordinaria en Santiago o 15 de decembro, na que o BNG rectifica a súa táctica política a respecto da esixencia regulamentaria de acatar a Constitución para acceder ao Parlamento. Esta rectificación convértese nun paso fundamental para o desenvolvemento do BNG no seu obxectivo de defender os intereses de Galiza.
1986. En marzo celébrase o Referendo sobre a permanencia na OTAN, no que o BNG fai campaña a favor do non.
Nas eleccións xerais de xuño de 1986 o BNG obtén 27.049 sufraxios.
O BNG ante os actos oficiais de celebración do cincuentenario do plebiscito do Estatuto de 1936, unha vez máis obxecto de manipulación, responde con actos e mobilizacións a favor do dereito á autodeterminación.
1987. Nos días 7 e 8 de febreiro ten lugar en O Carballiño a III Asemblea Nacional. A militancia aproba os mecanismos que permitirán a actualización das tácticas e das formas de traballo político iniciando o proceso de apertura da Fronte á sociedade galega.
No marco dos actos da Mesa Pola Normalización Lingüística en defensa do idioma galego o BNG presenta a nova imaxe corporativa.
Ante as eleccións europeas de 1987, o BNG acredita na necesidade de configurar unha candidatura nacionalista unitaria para levar a voz de Galiza a Europa. As conversas entre as formacións nacionalistas non frutifican quedando o BNG como a única candidatura galega. No contexto das eleccións europeas o PCLN sitúase fóra do BNG pola decisión de apoiar a candidatura de HB vulnerando os acordos do Consello Nacional do BNG.
En xuño celébranse conxuntamente as eleccións europeas e as municipais, o BNG obtén 53.116 votos nas primeiras e 61.256 e 139 concelleiros/as nas segundas. Con estes resultados o BNG convértese na primeira organización nacionalista en número de votos.
Ante a crise que atravesan as institucións galegas, o BNG presenta en setembro un Proxecto de Lei de medidas urxentes para o desenvolvemento económico, político, social e cultural de Galiza. Este proxecto, coñecido como Lei de Bases, configúrase na estrutura sobre a que se vai edificar o programa do Bloque no marco político vixente.
1988. En xullo créase a organización xuvenil nacionalista Galiza Nova que pasa a integrarse no BNG.
Ante a vaga de lumes que asolaga Galiza, o BNG impulsa, xunto con diversas asociacións e colectivos ecoloxistas, a primeira iniciativa lexislativa popular que xorde en Galiza co obxecto de defender o patrimonio forestal galego.
A celebración do 25 de Xullo ten lugar este ano co slogan "Proxecto común", que sintetiza a liña de renovación e integración impulsada pola IIIª Asemblea Nacional.
A convocatoria das eleccións europeas para 1989 xera por parte do BNG unha iniciativa, en réxime de autoconvocatoria, para configurar un pacto político de concorrencia conxunta no que teñan cabida todas as forzas autóctonas. As diferentes estratexias políticas sitúanse por riba da defensa de Galiza provocando o fracaso da proposta.
1989. En febreiro ten lugar a IV Asemblea Nacional en Lugo. Os debates asemblearios céntranse na configuración dunha estratexia política ante a crise na que está sumida Galiza. O BNG decide presentar candidato á Presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas en consecuencia coa nova estratexia política aprobada en O Carballiño.
En xuño teñen lugar as segundas eleccións ao Parlamento Europeo, nas que o BNG, como única candidatura galega, reforza a súa posición como a primeira forza dentro do nacionalismo con 46.052 votos.
A hostilidade fronte ao nacionalismo segue vixente manifestándose no enxuizamento do dirixente Francisco Rodríguez por uns feitos acaecidos en 1984 e carentes de fundamento.
En outubro celébranse eleccións xerais anticipadas nas que o BNG obtén 47.763 votos.
Nas eleccións autonómicas de decembro o Bloque convértese na terceira forza no Parlamento de Galiza con 105.703 votos e cinco deputados/as, conformando grupo parlamentar propio.
1990. En xuño a Comisión Permanente fai público o documento "Análise do BNG perante a situación económica de Galiza" no que se analiza a realidade galega e se considera imprescindíbel a unidade do nacionalismo galego en torno a uns principios básicos.
O slogan “Entre todos” preside o Día da Patria no que participa por primeira vez o PNG-PG.
1991. En xaneiro celébrase en Vigo a V Asemblea Nacional. Asínase o protocolo de integración de Galiza Nova no BNG.
En maio teñen lugar as eleccións municipais. O BNG presenta 162 candidaturas coas que obtén 107.932 votos e 241 concelleiros/as.
O Bloque desenvolve unha intensa campaña co slogan "Galiza autodeterminación" que culmina o 6 de Decembro nunha manifestación en Compostela na que participan máis de 10.000 persoas.
O Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) asina o protocolo de integración no BNG.
1992. O compromiso do BNG cos sectores produtivos galegos maniféstase no apoio e participación activa na Folga Xeral nacional do 2 de abril.
Un grupo de independentes do BNG crean o colectivo Esquerda Nacionalista.
No outono impúlsase unha campaña contra o Tratado de Maästricht, organizando actos explicativos en toda a nación sobre as consecuencias da Europa do capital.
En decembro celébrase unha multitudinaria festa en A Coruña con motivo do 10º aniversario da fundación do BNG.
1993. En marzo convócase a VI Asemblea Nacional que ten lugar en A Coruña.
O proceso de converxencia do nacionalismo avanza coa integración do colectivo Inzar, organización resultante da fusión do Movimento Comunista de Galiza e da organización galega da Liga Comunista Revolucionaria.
Ás eleccións xerais de marzo o BNG concorre co lema "Galiza con forza própria" e obtén 126.965 votos, ficando ás portas de obter representación nas provincias de A Coruña e Pontevedra.
O compromiso do BNG por unha Europa dos Pobos fundamenta a participación da organización no Forum Internacional en Dinamarca onde se reúnen organizacións e personalidades de diversos países europeos críticos co modelo de Europa consagrado polo Tratado de Maästricht.
Nos comicios autonómicos de outubro o Bloque consegue 269.233 votos e 13 deputados. O avance electoral exprésase no incremento colleitado nas cidades nas que se converte na segunda forza política.
1994. O avance na unidade do nacionalismo no plano político plásmase no plano sindical coa reunificación do sindicalismo nacionalista que culmina este ano coa fundación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Nas eleccións europeas de xuño o BNG obtén 139.221 votos.
O Día da Patria adícase á conmemoración do 50º aniversario do "Sempre en Galiza" de Castelao, obra central do nacionalismo contemporáneo.
A integración de Unidade Galega en decembro culmina o proxecto de unidade do nacionalismo iniciado en 1982.
1995. As eleccións municipais de maio supoñen a consolidación do avance do BNG, nas que obtén 208.098 votos e 428 concelleiros/as.
En Decembro celébrase na Feira de Mostras de Ferrol a VIIª Asemblea. A definición dos criterios de actuación do BNG nas Cortes Xerais e os eixos que deben artellar unha alternativa de goberno en Galiza van centrar os traballos asembleares. No plano organizativo, nun paso máis cara á consolidación organizativa, apróbase o desenvolvemento dos Estatutos orixinarios.
1996. Nas eleccións xerais de marzo o BNG obtén 220.147 votos, conseguindo por vez primeira na súa historia dúas actas de deputado -Guillerme Vázquez e Francisco Rodríguez-.
A actuación organizativa e política vai dirixida neste ano a estabelecer un contacto directo coa sociedade co obxectivo de conformar unha alternativa ao desgoberno do Partido Popular. En outubro celébrase un acto masivo en Compostela no que se presenta a alternativa e a Xosé Manuel Beiras como candidato á presidencia da Xunta.
1997. O BNG concorre ás eleccións autonómicas de outubro cun programa de goberno e acada un éxito sen precedentes ao conseguir 395.435 votos e 18 deputados, converténdose na segunda forza política de Galiza.
1998. En xuño ten lugar en Ourense a VIIIª Asemblea Nacional. Esta Asemblea marca un fito no desenvolvemento da organización xa que nela se adecúan as estratexias políticas á súa condición de alternativa de goberno.
Unha das consecuencias desta Asemblea é a sinatura da Declaración de Barcelona, xunto con PNV e CDC, como entente na defensa do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado. A esta Declaración séguenlle a de Gasteiz e a de Compostela, que afondan nos acordos de Barcelona.
1999. En maio o BNG impulsa a creación da Fundación Galiza Sempre como mecanismo para promover todo tipo de actividades que contribúan a profundar no coñecemento da realidade galega e ao desenvolvemento do pensamento político, social, cultural e económico da nación.
O BNG volve concorrer en solitario ás eleccións europeas de xuño obtendo 349.079 votos e por vez primeira un deputado no Parlamento Europeo, na persoa de Camilo Nogueira.
Nas municipais obtéñense 290.187 votos e 585 concelleiros. Estas eleccións supoñen un avance cualitativo xa que se entra no goberno en cinco das sete cidades galegas, en tres delas ocupando a alcaldía.
2000. Nas eleccións xerais o BNG obtén 306.268 votos e 3 deputados. Anxo Quintana é designado senador polo Parlamento de Galiza. O BNG, xa que logo, alcanza pola primeira vez representación na Cámara Alta, completando deste xeito a súa presenza en todos os foros.
O BNG convértese en membro de pleno dereito do Partido Democrático dos Pobos de Europa-Alianza Libre Europea. En maio constitúese no Parlamento Europeo o Intergrupo de nacións sen Estado, sendo nomeado presidente do mesmo Camilo Nogueira.
En xuño preséntase en Compostela o manifesto “Un compromiso responsábel co país”, no que o BNG establece un diálogo aberto coa sociedade para construír a alternativa de goberno na Galiza.
O BNG participa activamente nas actividades da “Marcha Mundial de Mulleres”con delegación propia nas manifestacións que teñen lugar en Bruxelas e Nova York.
O BNG presenta o seu novo sitio web, www-bng-galiza.org.
2001. En xaneiro o BNG presenta unha moción de censura ante o desleixo da Xunta fronte ao problema das “vacas tolas”.
O BNG participa como anfitrión no Encontro do Intergrupo de Nacións sen Estado no Parlamento europeo celebradas en Compostela.
En febreiro ten lugar en Compostela a IXª Asemblea Nacional, na que se reforza o BNG como alternativa de goberno dotada dun programa e dun proxecto único para Galiza.
O Bloque participa activamente na folga de xuño contra os recortes sociais promovidos polo Goberno de Aznar.
En outubro celébranse as eleccións autonómicas nas que o BNG obtén 346.423 votos e 17 deputados e deputadas manténdose como segunda forza no Parlamento de Galiza. Os comicios teñen lugar nun contexto mediatizado pola ofensiva ideolóxica contra os nacionalismos despois dos atentados do 11 de setembro.
O BNG participa activamente nas masivas mobilizacións contra o proceso de privatización da educación e invasión da autonomía universitaria através da nova Lei Orgánica de Universidades (LOU).
2002. En abril o BNG celebra en A Coruña a X Asemblea Nacional. Nesta Asemblea adóptanse resolucións significativas como a substitución da Permanente pola Executiva Nacional que pasa a ser un órgano elixido pola Asemblea.
O Bloque apoia a folga xeral do 20 de xuño contra o decreto do Goberno Central de reforma do sistema de cobertura do desemprego.
A Fundación Galiza Sempre, en colaboración con Galiza Nova, organiza os días 24 e 25 de xullo a primeira edición do Festigal, un evento que se converterá nun referente a nivel nacional.
En setembro faise público o documento “Galiza merece máis”. Neste documento o BNG fixa a súa posición a respecto do incremento do autogoberno de Galiza na perspectiva do pleno recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español.
Celébrase en Vigo o Acto de Conmemoración do XX aniversario da fundación do BNG.
O BNG, ante a neglixente xestión da catástrofe ecolóxica producida polo buque Prestige, apoia a autoorganización do pobo galego esixindo a depuración de responsabilidades políticas e solucións para reparar os danos e impedir que catástrofes desta caste volvan producirse. A iniciativa do BNG é respondida por numerosas entidades asociativas de Galiza. Desta iniciativa xorde o 21 de Novembro a Plataforma Cidadá Nunca Máis que se converterá na expresión cívica do pobo galego aglutinando ao seu redor a centos de entidades e a un movemento social dunha dimensión até entón descoñecida no país. O 1 de decembro Santiago acolle a maior manifestación da historia de Galiza, na que 200.000 persoas berran “Nunca Máis” ante a situación xerada.
A indignación social ante o comportamento do Goberno e da Xunta culminan na presentación dunha moción de censura ao presidente Fraga que se debaterá no Parlamento de Galiza o 12 de Decembro.
2003. Ante o desleixo e a manipulación, o BNG participa como parte activa nas leccións de dignidade colectiva na masiva manifestación das “maletas” celebrada o 9 de Febreiro na Coruña e na marcha a Madrid do día 23, que congregou centos de miles de galegos na capital do Estado.
O BNG impulsa iniciativas en todos os ámbitos fronte á invasión de Iraq, como expoñente da guerra imperialista.
Nas eleccións municipais o BNG presenta 307 listas e obtén 325.331 votos e 595 concelleiros/as, pasando a formar goberno en 42 Concellos (19 alcaldías). O resultado obtido na provincia de A Coruña sitúa o BNG nunha posición central para impulsar o cambio na Deputación de A Coruña accedendo ao cogoberno. Estas eleccións supoñen un novo fito para o Bloque obtendo o mellor resultado da súa historia nunhas eleccións locais.
En novembro celébrase a XI Asemblea Nacional na que se elixe a Anxo Quintana como novo Portavoz Nacional e candidato á Presidencia da Xunta ao obter 1.700 votos fronte aos 600 de Camilo Nogueira. Xosé Manuel Beiras pasa a ser elixido Presidente do Consello Nacional.
2004. As eleccións xerais de marzo celébranse nun clima fondamente constrinxido polo brutal atentado terrorista do 11-M en Madrid;, neste contexto o BNG resiste a deriva bipartidista obtendo 208.688 votos e mantén dous deputados no Congreso.
O BNG concorre ás eleccións europeas de xuño na coalición Galeusca-Pobos de Europa obtendo na Galiza 141.756 votos, máis do 12% dos válidos. A redución do número de eurodeputados correspondentes ao Estado incide negativamente na perda do representante do BNG.
En xullo preséntase o documento de bases para un novo Estatuto de Nación para Galiza, no que se conteñen os criterios que deben orientar o proceso de reforma estatutaria. Este documento desenvólvese no Foro polo Novo Estatuto con representantes de distintos ámbitos sociais e profesionais, coa finalidade de dotar ao BNG de achegas e de implicar á sociedade neste debate fundamental.
2005. En xaneiro faise pública a Declaración de Rianxo na que se reclama un acordo para avanzar no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español, ao tempo que se fai un chamamento ás demais forzas políticas de Galiza para acadar un compromiso para dotar a Galiza dun Estatuto de nación.
En febreiro o Foro polo Novo Estatuto presenta á sociedade e achega ao BNG as súas propostas.
O Estado convoca un referendo para ratificar a Constitución Europea. O BNG, consecuente coa súa posición política e co seu compromiso histórico con Galiza, defende o voto negativo ante un modelo de construción europea dirixido polo capital transnacional e enfrontado á Europa dos pobos.
En xuño celébranse eleccións autonómicas, nas que o BNG obtén 311.954 votos e 13 actas no Parlamento. O escenario resultante das eleccións representou un cambio cualitativo que abriu novas oportunidades para o Bloque. O BNG forma parte do goberno da Xunta por vez primeira na súa historia. O reparto do poder no acordo de goberno co PSOE deixa ao BNG coa Vicepresidencia e con catro consellerías. O Portavoz Nacional, Anxo Quintana, convértese no Vicepresidente da Xunta e no referente do nacionalismo no goberno. Fernando Blanco, Ánxela Bugallo, Teresa Táboas e Alfredo Suárez Canal completan o primeiro gabinete con presenza nacionalista.
A aposta do BNG polo Estatuto que lle corresponde a Galiza culmínase en decembro nunha Convención Nacional na que se presenta o texto articulado do Estatuto de Nación.
O BNG participa na Asemblea Xeral de Galeuscat en Madrid, que marca o inicio dunha nova andaina da alianza.
2006. En xaneiro fúndase a Tribuna Galeuscat dotándose de órganos permanentes de coordenación parlamentar nas Cortes Xerais.
En abril ten lugar a Convención Nacional pola Lingua na que se actualiza a posición e actuación do BNG neste ámbito e se define a acción institucional e social precisa para avanzar de xeito real e efectivo na normalización do galego.
O arranque da campaña do 25 de xullo tivo lugar o 28 de xuño, coincidindo co 70º aniversario do plebiscito do Estatuto de autonomía do 36, coa presentación en Santiago da Alianza Galeuscat, que contou coa presenza dos líderes do BNG, PNV e CiU e numerosa asistencia representativa do mundo social en Galiza.
Nos días 2 e 3 de decembro celébrase a XII Asamblea Nacional nun contexto moi definido pola posición do BNG como forza de goberno. Nesta Asemblea concorren catro listas para o Consello Nacional obtendo todas elas representación grazas aos mecanismos de democracia interna vixentes no BNG..
2007. En maio teñen lugar as eleccións municipais, nas que o BNG consegue 315.449 votos e 661 concelleiros e concelleiras. Este resultado tradúcese en 32 alcaldías e 37 cogobernos. O BNG consegue o maior número de representantes nas institucións locais da súa historia, sendo un indicador máis do reforzamento social da organización nacionalista. O avance da organización nestas eleccións maniféstase tamén no acceso ao cogoberno da deputación provinciais de Lugo.
A presenza do Bloque en Madrid vai supor un avance sen precedentes para situar a Galiza no lugar que lle corresponde no Estado, saldando parte da débeda histórica, desbloqueando a transferencia de competencia e conseguindo melloras orzamentarias significativas.
2008. Nas eleccións xerais de marzo o BNG obtén 212.543 votos o que lle permite manter a súa presenza nas Cortes do Estado e a posición inquebrantábel de defensa dos intereses galegos en Madrid.
Todos recordamos o que lle ocurriu ao profesor Neira cando defendeu a unha muller que estaba a ser agredida pola súa parella. Ese home foi cesado do seu cargo no Obervatorio Rexional da Violencia de Xénero.
Cando lle preguntan si vai a deixar de beber contesta "Si no puedes pegarte un revolcón con una señora y, encima, no puedes tomarte un vino, no quiero vivir. Estas palabras poden ser tildadas de machistas e ignorantes.
Hai tamén un tempo, un home subsahariano defendeu a unha muller que estaba sendo atacada no metro, e como consecuencia, caeu ás vías e perdeu unha perna.
Ofrecéronlle saír na televisión e negouse rotundamente, non quería ser protagonista, só fixo o que pensou que debía facer.
Ninguén pode negarlle a Neira que fixo o que debía defendendo a esa muller e que merece un recoñecemento polo mesmo, pero logo de pasar isto, cada vez que abría a boca saía un home violento e que non merece ningún cargo público.
Creo que para calquera persoa que teña dous dedos de frente, Neira non é un heroe, senón un oportunista que logo de realizar un acto heroico, que non nego, é nomeado cargo público, cando hai miles de persoas que cada día loitan contra a violencia de xénero.
O cargo que este “señor” ocupaba, meréceno miles de mulleres e de homes que adican o seu tempo a axudar a mulleres maltratadas, a concienciar á sociedade sobre o maltrato e que sendo claros, non son oportunistas violentos que poñen en risco a seguridade das persoas tomando “una copa de vino y un licor”.
"A Nosa Terra, a cabeceira histórica do xornalismo en galego, debe seguir activa no mapa da comunicación do século XXI", é o título da carta aberta que un grupo de persoas que formaron parte da equipa que recuperou a cabeceira de A Nosa Terra en 1977, veñen de facer pública.
"A histórica cabeceira A Nosa Terra é todo un símbolo na traxectoria do Xornalismo en galego. Trátase non só dun medio que empregou a lingua galega e empuñou a defensa do idioma propio para cubrir un espazo na oferta informativa galega, o que o converteu no principal canal de expresión dos intelectuais galeguistas durante case un século, senón que, á marxe da liña concreta que seguiu en cada momento, representa unha forma de entender o Xornalismo comprometido co país, cunha visión crítica e aberta ao debate.
"O equipo que con Margarita Ledo como directora e principal impulsora dun renovado proxecto que puxo en marcha A Nosa Terra na súa actual etapa no ano 1977, logo dos anos escuros nos que apareceu de xeito irregular no exterior ata esmorecer, expresa o seu apoio a continuidade e mellora do proxecto ao tempo que anima aos actuais responsables do equipo informativo e da empresa para que articulen unha alternativa que faga posible salvar a cabeceira e recuperar o seu papel central, no marco da diversidade informativa, no Xornalismo galego.
"Quen nalgún momento da súa vida traballou no xornal A Nosa Terra non pode esquecer as achegas que esta cabeceira fixo ao Xornalismo en galego e as que aínda debe facer neste século XXI marcado pola complexidade. Este é o principal motivo do noso apoio firme a continuidade dunha cabeceira necesaria para o Xornalismo galego actual".
O escrito está asinado por Margarita Ledo,Xosé Ramón Pousa, Antón Galocha, Xosé López, Marita Otero, Lois Celeiro, Pepe Barro (deseñador) e
Fernando Bellas (fotógrafo). Os oito asinantes formaron parte do equipo de redacción (textual e gráfica) que puxo en marcha o semanario no ano 1977 e da súa fase de lanzamento. A directora do semanario e autora do proxecto xornalístico para recuperar a cabeceira foi Margarita Ledo Andión, na actualidade Catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela.
O texto, froito dun longo traballo no que participaron homes e mulleres de dentro e de fóra do BNG de recoñecido prestixio, foi presentado esta mañá en Santiago de Compostela a unha ampla representación da sociedade galega.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, subliñou na súa intervención que “o actual marco estatutario revélase absolutamente insuficiente, cun autogoberno raquítico, mal financiado e cun abano competencial moi limitado e permanentemente exposto á invasión estatal” .
Mostrouse convencido de que “son as regras de xogo que nos impoñen, entre elas unha limitade capacidade de autogoberno, as que nos impiden acadar niveis de desenvolvemento económico e social semellantes aos dos países máis desenvolvidos do noso entorno”.
Neste sentido, defendeu a necesidade de “erguer un potente movemento social en defensa dun novo status para Galiza” porque “ou Galiza se sobe ao tren do futuro ou ficará como hoxe está, a efectos prácticos, na 2ª división estatal”.
A Xunta anunciou onte que nos “vindeiros días” convocará a orde de axudas para a adquisición de libros de texto que cambian de idioma, do galego ao castelán, para o curso que empeza por mor do decreto do plurilingüísmo que aprobou en xuño. Esta liña de subvencións, que poderán solicitarse a partir do 1 de setembro nos centros públicos, “só afecta a matemáticas, tecnoloxías e física e química”, segundo especifica o Goberno, e van destinadas aos estudantes de 3º e 4ª de primaria e os catro cursos de secundaria.
O sistema será similar ao programa chamado de Gratuidade Solidaria, co que a Xunta di subvencionar os libros para apoiar "ás familias que están a pasar por maiores dificultades económicas". Porén, o cambio dos textos educativos para as materias que haberá que impartir en castelán vén derivado do decreto do ensino aprobado pola Xunta, que xa foi recorrido ante a Xustiza pola Real Academia Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística e varios sindicatos do ámbito educativo.
PUBLICIDADE EN NOVEMBRO
Por iso, os grupos da oposición cualifican de "despilfarro" o gasto que suporá cambiar uns libros que aínda eran válidos para dous cursos máis e recriminan o "caos" que crea nos colexios este decreto, ao que a Xunta dedica un millón de euros a maiores para publicidade, con anuncios que non serán emitidos ata o mes de novembro polos trámites que hai que cumprir antes.
Tamén desde STEG (Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia) se fala de "improvisación" e da "difícil xestión" que terán estas axudas para as direccións dos colexios, ás que se cargará "con máis traballo", asegura Xosé Cabido, e sen ter “ningún tipo de información”. O custo aproximado de cambiar os libros de texto para o vindeiro curso calcúlano en case 6 millóns de euros.
O portavoz de Educación do PSdeG, Guillermo Meijón, fai un cálculo similar, xa que fala duns dez millóns en dous anos, unha carga que se repartirá entre a Consellería e os pais e que está creando “un caos absoluto” previo á apertura do curso. “É unha frivolidade en estes tempos de crise facer esta falcatruada”, di, tras o que lembra a redución de profesores ou peche de centros que se está a facer.
Para a nacionalista Carme Adán trátase dun “despilfarro por unha cuestión ideolóxica deste Goberno, que quere fóra o galego das materias de ciencias”, algo que ademais é unha “incoherencia coa suposta austeridade” que publicita a Xunta.Recrimina que “van tirar todos eses libros”, en referencia aos textos que agora están en galego, e sinala que é en función dun decreto que “está recorrido” ante a Xustiza.
Por parte das editoriais, o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manuel Bragado, sitúa nuns cinco millóns de euros o custo para o sector de substituír os actuais libros de ciencias por outros en castelán. Segundo explicou nunha entrevista a Xornal, isto supón a cuarta parte dos 21 millóns que facturan estas empresas ao ano.
VALE NOS CENTROS
Os centros tramitarán as solicitudes no momento da matrícula ou posteriormente e entregará vales ás familias, que poderán adquirir con eles os libros de texto e o material escolar no establecemento que eles elixan e polo importe máximo que figura no documento, aínda que a Xunta non especifica cal vai ser.
Unha vez entregados os materiais, as empresas presentarán as facturas á Consellería de Educación para que lles sexan entregados os importes correspondentes aos vales tramitados.
Pois sinxelamente pola razón de que todo o mundo merécese recibir unha boa educacion, e esa educacion é a pública!
Ogallá que desaparecesen as privadas porque non son máis que un negocio sucio, cando a educacion dos nenos é moito máis importante que un negocio.
Eu recibín(e recibo) unha educacion ben boa e asegúrolles que é moito mellor que a que recibiron (e aínda continúan a recibir) amigos meus estando na privada.
Eu xamais poría a educación en mans de ninguén, quen a ten que levar é o Estado. Ademais, na privada os nenos non aprenden a compartir, non saben o que é conseguir as cousas por eles mesmos. Na privada a maioría dos nenos non valoran nada, e téñoo máis que comprobado.
Cada vez que vexo a algún pola rúa con uniforme digo “Que mágoa, crense que por levar a mesma roupa todos son iguais” E non, non é así. O bonito de ensinar e aprender é ver que cada un é diferente pero igual, e que a un lle pode gustar unha maneira de vestir e ao outro un tipo de musica diferente, con todo na escola privada todos saen coa mesma mente, parecen borricos, ensínanselles cousas e nin sequera dáselles a oportunidade de elixir o seu camiño.
Ademais, na educación privada engordan as notas finais de cada alumno/a:
porqué se fai isto? para que os pais vexan o "bo colexio" no que están os seus fillos e sigan indo alí, pero logo cando hai un exame final, fallan.
E é a pura realidade, porque un neno que ten un 6, ten un 6 e punto, pero na escola privada é o que ocorre, porque enriba din que son mellores as notas. Por suposto. As notas, pero non os resultados verdadeiros