Labordeta (Zaragoza, 1935) está considerado como un dos máximos representantes da cultura e o nacionalismo aragonés. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Zaragoza, frecuentou nos seus anos de estudante tertulias nas que coincidían representantes da cultura aragonesa da segunda metade do século XX.
Os seus primeiros pasos literarios deunos na revista Orejudín, editada entre 1958 e 1959. E as súas primeiras obras -contos, poemas e artigos- publicounos ao amparo da Tertulia do Café Niké e a Oficina Poética Internacional (OPI).
A súa traxectoria docente iniciuouna como lectorado na Universidade de Provence (Francia), para pasar a ser profesor de Secundaria de Xeografía, Historia e Arte en Teruel logo de aprobar unhas oposicións.
Cantautor
Como cantautor está considerado o pai da Canción Aragonesa, movemento xurdido no ano 1968 coa publicación dun disco de Labordeta e varios dos seus alumnos.
A principios dos anos 70 do século pasado participou na fundación e desenvolvemento do xornal quincenal Andalán, voceiro da conciencia aragonesista de esquerdas, coincidindo co seu desprazamento a Zaragoza como profesor.
Nos anos 80 o mestre Labordeta deixou a docencia para adicarse profesionalmente á música, labor que compaxinou coa interpretación en cine e televisión e a redacción de artigos e columnas xornalísticas.
Co programa Un país en la mochila (1995), serial de 29 capítulos escrita e dirixida polo finado, deuse a coñecer entre o gran público mentres amosaba as zonas rurais máis descoñecidas do Estado español.
Os poemarios Sucede el pensamiento (1959), Dulce sabor de días agrestes (2004), a novela Cada cual que aprenda su juego (1974) e os libros de memorias Aragón en la mochila (1983) e Regular, gracias a Dios (2010), destacan na súa faceta literaria.
Deputado da Chunta Aragonesista
Nos últimos anos da súa vida Labordeta destacou como deputado da Chunta Aragonesista (CHA) nas Cortes de Aragón e no Congreso dos Deputadso, onde foi o voceiro do Grupo Mixto e consagrouse como político de referencia entre os anos 2000 a 2008.
Nestes anos converteuse no representante do nacionalismo aragonés a nivel estatal grazas á súa oposición á Guerra de Irak ou Plan Hidrolóxico Nacional do Goberno de Aznar.
Malia o seu compromiso Labordeta deixou a política cando lle foi detectado un cancro de próstata para adicarse a escribir e gozar da súa dona e tres fillas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario