miércoles, 29 de septiembre de 2010

ÉXITO DA CIG NA FOLGA XERAL

A Confederación Intersindical Galega avalía como un éxito rotundo a folga xeral convocada pola central sindical en Galiza este mércores 29 de setembro. Suso Seixo, secretario xeral, considera que se acadou unha participación similar á da folga xeral de 2002, superada en comarcas como Vigo, onde se superou amplamente o 80 por cento. Nas manifestacións convocadas pola central sindical, celebradas en todas as cidades e en numerosas vilas do país, a participación chegou ás 80.000 persoas. A marcha máis numerosa foi a de Vigo, onde a participación superou os 40.000 asistentes.

Na manifestación da Coruña participaron unhas 10.000 persoas; en Compostela 5.000; en Ferrol 5.000; 4.000 en Ourense, 3.000 en Pontevedra; 2.000 en Lugo; outras 2.000 en Vilagarcía e máis de 400 en Noia. En Cee xuntáronse arredor de 350 persoas na concentración convocada e en Foz, onde a protesta se desenvolveu pola tarde, participaron unhas 300 persoas.

A CIG considera de especial relevancia a incidencia da folga xeral na industria onde se superou ao igual que na construción o 75 por cento, cos polígonos industrias e as principais empresas do país paralizadas. Canto á limpeza viaria, a central sindical cifra nun 100% a incidencia da folga e entre un 80 e un 90 por cento no transporte de viaxeiros. Respecto do transporte escolar a central sindical salienta que só funcionaron os servizos mínimos.

En Ensino universitario, as tres universidades estiveron practicamente paralizadas. Canto ao ensino non universitario a incidencia da folga xeral foi superior ao 50%.

Na Banca, nas cidades o paro foi secundado por entre o 60 e o 70% e na administracións públicas rondou o 50%, aínda que a incidencia foi maior nos servizos centrais e periféricos da Xunta de Galiza onde se acadou o 65%. En concellos como o de Santiago estas cifras foron amplamente superadas acadándose o 90%.

Máis de 40.000 persoas en Vigo

A manifestación principal da CIG tivo lugar en Vigo e nela participou o secretario xeral da central, Suso Seixo. A marcha partiu pasadas as 12 do mediodía do cruce da Doblada e rematou na Porta do Sol máis de dúas horas despois. Á cabeza da mobilización unha faixa co lema “Outro modelo económico e social é posíbel. Non á nova reforma laboral” abría o paso a milleiros e milleiros de persoas que amosaron coa súa multitudinaria presenza o apoio ás reivindicacións do sindicato.

Ao remate da mobilización tomou a palabra en primeiro lugar o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, quen animou a todos/as os presentes a mostrar o seu rexeitamento ás últimas medidas adoptadas polo Goberno español. Otero salientou o rotundo éxito das convocatorias de folga e manifestacións en toda Galiza a pesar da campaña de difamación dos poderes dominantes e repasou por enriba os principais ataques aos dereitos dos traballadores/as que contén.

Pola súa banda, o secretario xeral do sindicato nacionalista cualificou de exemplo de “combatividade, compromiso e dignidade” a presenza de milleiros de persoas nas rúas de Vigo “defendendo os nosos dereitos como clase e demostrándolle ao capital, ao PSOE e ao PP que non imos agochar a cabeza mentres recortan os nosos dereitos”. Incidiu en que a nova reforma laboral, o recorte dos salarios dos empregados/as públicos, a conxelación das pensións para 2011, o recorte do gasto público e as reformas pendentes como a das pensións, negociación colectiva ou prestacións por desemprego son razóns suficientes para convocar a folga xeral.

Seixo lembrou tamén durante a súa intervención que dende o primeiro momento d crise económica a CIG chamou á mobilización para esixir “reformas estruturais profundas que levasen a un cambio radical do actual modelo de capitalismo neoliberal na procura dun novo modelo económico e social máis xusto, solidario e democrático”. Neste senso, fixo fincapé en que a clase traballadora non é a responsábel da crise “pero pretenden que sexa quen a pague, mentres os culpábeis (bancos, grandes fortunas e especuladores) seguen a recibir apoios a pesar de obter enormes beneficios en plena crise”.

Finalmente, apostou por acadar maiores cotas de soberanía nacional para poder aplicar políticas propias que permitan superar a actual situación económica e animou a todos/as os presentes a prepararse “para unha dura loita a medio e longo prazo na que esta é a primeira folga xeral, aínda que non descartamos ter que convocar máis”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario