jueves, 16 de septiembre de 2010
Que supón a reforma laboral para o estudantado?
A mocidade, o estudantado, sitúase no albo da crise económica, existindo unha preocupante relación entre o nivel de formación e a calidade do emprego. Por iso, cómpre facer fincapé na necesidade de que se artellen políticas que atallen o fracaso escolar. Cómpre salientar que en Galiza un 26,7% dos alumnos non remataron a ESO, fronte, por exemplo, ao 14,3% de Euskadi.
Porén, as medidas recollidas na reforma laboral non van dirixidas a solucionar ningún destes problemas: nin o desemprego, nin a temporalidade, nin os salarios, nin a formación. Un dos feitos máis sangrantes da reforma laboral son as novas bonificacións e subvencións ás empresas, a través do contrato para a formación que aumenta dos 21 aos 24 anos, eximindo totalmente ás empresas das cotizacións á Seguridade Social, eliminando os custes da formación teórica nas empresas de menos de 50 persoas e subvencionando a reconversión destes contratos en indefinidos.Non ten xustificación algunha a decisión de aumentar a idade, agás a interese empresarial en contratar man de obra barata. Este tipo de contratos dan lugar a todo tipo de abusos, porque a formación teórica na realidade non se imparte na grande maioría dos casos e porque a remuneración garantida é baixísima, xa que para o 1º ano se lle pode descontar do SMI o tempo dedicado á formación (mínimo dun 15%) e para o 2º ano de contrato o salario garantido será o SMI, con independencia do tempo dedicado á formación.
Parello a isto, déixanse esmorecer os servizos públicos de emprego mentres legalizan as axencias de colocación con ánimo de lucro e se xeneraliza a actuación das ETTs, coa consecuente precarización e abusos ás que estas someten ao conxunto das mozas e mozos que acceden ao emprego a través desta modalidade de contratación (falta de inversión na formación das e dos traballadores, inestabilidade, sinistralidade, menores retribucións, dobre sometemento á patronal, etc.).
Deste xeito, só coa mobilización activa do estudantado e da mocidade en xeral se poderá frear este gravísimo ataque aos nosos dereitos, así, a folga xeral é imprescindíbel para pararlle os pés ao goberno central e a un goberno galego incompetente máis aínda desde a firme convencemento de que somos os estudantes de hoxe, non os precarios de mañá. Así, o 29 de setembro nin un só estudante nas aulas!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario